A Deputación de Ourense abre a porta a ampliar prazas do programa EsquiOU

O programa EsquiOU, impulsado pola Deputación de Ourense e dirixido a escolares da provincia, alcanzou este ano unha cifra récord de 1.050 prazas, distribuídas en dez quendas de tres días e dúas noites. A alta demanda superou todas as expectativas, mesmo despois de ampliar o número de prazas, polo que a institución provincial está a estudar incrementar o número de beneficiarios para atender a máis nenos e nenas.
Durante a visita á quenda correspondente á comarca de Valdeorras, o presidente da Deputación, Luis Menor, destacou que EsquiOU consolidouse como un programa moi valorado polas familias ourensás, cuxas prazas se esgotan en apenas uns días. Menor estivo acompañado polo deputado provincial Xosé Miguel Pérez Blecua, polo director da estación, Víctor Manuel Picos, e polo asesor de Deportes da Deputación, Diego Enrique Álvarez.
O presidente explicou que a Deputación destina este ano 102.000 euros ao programa, o que supón un incremento do 45 % respecto a edicións anteriores, como resposta á crecente demanda das familias.
Cada quenda reúne arredor de 105 rapaces e rapazas de todas as comarcas da provincia, garantindo o carácter provincial do programa. Está dirixido a nenos nados entre o 1 de xaneiro de 2014 e o 31 de decembro de 2017, e cada quenda reserva cinco prazas para menores con necesidades especiais, incluíndo discapacidade auditiva, visual, TEA ou síndrome de Down, reafirmando así a aposta por un deporte e lecer accesible para todos.
O programa desenvólvese na Estación de Montaña de Manzaneda, a única estación de esquí de Galicia, que conta con 23 pistas homologadas, snow park e escola de esquí con profesionais acreditados. Para garantir a actividade mesmo en ausencia de neve, EsquiOU inclúe alternativas como formación teórica de esquí, tenis, pickleball, tiro con arco, piscina climatizada, rocódromo, multiaventura, orientación e veladas nocturnas. Nas últimas edicións, todos os participantes puideron practicar esquí ou realizar actividades equivalentes, asegurando o aproveitamento do investimento público.
O programa é posible grazas á colaboración entre a Deputación e a estación de Manzaneda a través dun convenio de cofinanciamento. Cada participante achega unha cota simbólica máxima de 30 euros, mentres que o resto do custo é subvencionado pola Deputación, combinando apoio ás familias, impulso ao deporte base, dinamización económica da estación e vertebración territorial.
Menor destacou que con este tipo de iniciativas, a Deputación continúa “apostando por programas que constrúen oportunidades desde a infancia e fortalecen a identidade provincial a través do deporte, a convivencia e a igualdade de oportunidades”.