A Deputación de Lugo impulsa a dixitalización do sector vitivinícola na Ribeira Sacra

RibeiraSacraXa
A iniciativa, que conta cunha achega de 49.800 euros por parte da institución provincial, busca fomentar a dixitalización da viticultura local, aumentando a eficiencia, a sustentabilidade e a competitividade dos viñedos.
jose-tome-antonio-lombardia
José Tomé e Antonio Lombardía
11 Sep 2025

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, Antonio Lombardía Crespo, asinaban esta mañá un acordo para poñer en marcha un proxecto de modernización do sector vitivinícola da provincia.

Segundo destacou Tomé, o proxecto “supón un paso decisivo para situar á nosa viticultura á vangarda da innovación, reforzando a calidade e o prestixio dos viños da Ribeira Sacra, un motor económico e cultural fundamental para o noso territorio”.

Entre as medidas previstas inclúese a instalación de estacións meteorolóxicas en cada municipio da denominación de orixe, que permitirán aos viticultores obter información climática en tempo real para previr enfermidades da vide e optimizar os tratamentos. Ademais, desenvolverase un sistema dixital integral que automatizará os procesos administrativos do Consello Regulador, desde os rexistros e certificacións ata a comunicación con viticultores e adegas, incorporando ferramentas como sinaturas electrónicas, seguimento de saldos e unha oficina virtual para simplificar os trámites.

O proxecto beneficiará directamente aos 1.829 viticultores e ás 81 adegas da Ribeira Sacra, facilitando o acceso a tecnoloxías avanzadas e reducindo a carga burocrática. A Deputación subliña que, máis aló dos beneficios económicos e produtivos, esta modernización contribuirá a fixar poboación nas zonas rurais, preservar a paisaxe e a tradición vitivinícola, e reforzar a proxección internacional dos viños da comarca.

⚙ Configurar cookies
0.16578793525696