A Deputación de Lugo colabora nos traballos de mellora de varias pistas en Taboada

Os equipos do Parque Móbil da Deputación de Lugo están a traballar na limpeza e rexeneración de varias pistas do termo municipal de Taboada. Grazas a esta colaboración, explican dende o Goberno municipal, o Concello poderá acometer obras importantes, como o arranxo da vía que une Tuiriz con As Seixas e da pista que vai desde Castelo ata A Medela, dúas vías que presentan un notable deterioro e que son demandadas pola veciñanza.
O alcalde, Roi Rigueira, visitou recentemente os traballos en curso e destacou que “grazas á colaboración coa Deputación de Lugo podemos contar cos equipos do Parque Móbil no noso concello, os cales traballarán na limpeza e rexeneración das vías que unen Tuiriz e As Seixas e Castelo e A Medela. Ademais, se o tempo o permite, poderemos realizar algunha outra obra que nos permita seguir mellorando a rede viaria municipal”.