A Deputación de Lugo colabora con Auxilia Monforte cunha achega de 5.000 euros

A Deputación de Lugo reforza o seu compromiso co ámbito social cunha nova achega económica a entidades da provincia. O presidente da institución, José Tomé Roca, asinou no Pazo de San Marcos un convenio coa presidenta de Auxilia Monforte, Sofía Pardo Viloria, polo que a asociación recibirá 5.000 euros destinados a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade da Ribeira Sacra.
Co apoio provincial, Auxilia poderá financiar actividades dirixidas a fomentar a autonomía persoal, como talleres de estimulación cognitiva e psicomotriz, dinámicas de grupo e intervencións individualizadas nos fogares das persoas usuarias, ademais do mantemento do contacto telefónico con elas. Para levar a cabo estas accións, a entidade conta cun condutor de transporte adaptado, unha monitora de tempo libre e unha traballadora social.
Segundo o Censo de Persoas con Discapacidade de Galicia 2024, na provincia de Lugo viven máis de 35.000 persoas con diversidade funcional. No caso concreto de Auxilia Monforte, a súa actividade abrangue veciños e veciñas de Monforte de Lemos, Bóveda, O Courel, O Incio, O Saviñao, Pantón, Quiroga, Ribas de Sil e Sober.
Este convenio enmárcase na aposta da Deputación polas políticas sociais, ás que este ano destina 41,2 millóns de euros, aproximadamente un terzo do seu orzamento. Un compromiso que, en palabras do presidente, “é algo que nos definen como Goberno e son un sinal de identidade desta Administración”.