A D.O. Ribeira Sacra brindará en Pantón para conmemorar o Día do Viño

RibeiraSacraXa
Será este sábado, 10 de maio, durante a XXX Mostra dos Viños da Ribeira Sacra
dia-do-vino
7 May 2025

O Día do Viño D.O. é unha celebración colectiva que este ano estará presente en 30 denominacións de orixe de viño de 12 Comunidades Autónomas. Para celebralo, as D.O. participantes levarán a cabo ese día diferentes actividades en lugares emblemáticos dos seus territorios, cun brinde colectivo e simultáneo como acto central en todas elas, que terá lugar ás 13.30 horas (ás 12.30 horas en Canarias).

No caso da D.O. Ribeira Sacra, o brindis terá lugar no concello de Pantón, no recinto no que se celebra a súa XXX Mostra dos Viños da Ribeira Sacra.

O Día do Viño D.O. é unha acción de carácter festivo e reivindicativo promovida pola Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas (CECRV), a asociación que representa as denominacións de orixe de viño a nivel estatal. Ten un dobre obxectivo: por unha banda, trátase dunha festa coa que celebrar e achegar á xente un dos produtos de maior calidade e prestixio do noso país: o viño con denominación de orixe. E por outra, tamén se reivindica o concepto de “denominación de orixe” e o impacto positivo que as D.O. teñen sobre os territorios nos que están situadas e sobre as comunidades que neles habitan. Todo isto a través de actividades pensadas exclusivamente para o goce da xente (catas guiadas, actuacións musicais en vivo, experiencias enoturísticas, degustacións de viños con D.O. acompañadas de gastronomía local e maridaxes innovadores…), coas que se transmite que o viño con D.O. é un pracer ao alcance de todas e todos.

Cada ano, o Día do Viño D.O. pon o foco en diferentes ángulos da significativa achega que realizan as denominacións de orixe ás zonas rurais. Este ano, todas as actividades desenvolveranse baixo o lema “as denominacións de orixe impulsan os nosos pobos. Brindemos polo seu futuro!”, fomentándose unha mesma conversa nas redes sociais co cancelo #VINODOdinamismorural. Con isto preténdese destacar que as D.O. de viño contribúen de maneira relevante ao presente e ao futuro das zonas rurais, por múltiples razóns: porque xeran oportunidades laborais que permiten fixar poboación e atraela; porque fomentan a cohesión social nestes territorios, promovendo interaccións sociais arredor do sector vitivinícola; porque crean sinerxías con outros activos das zonas rurais (hoteis, restaurantes, tendas, establecementos de actividades na natureza, museos e centros culturais), xerando riqueza e beneficio colectivo; porque coidan o contorno natural no que se desenvolven e moldean o seu paisaxe; e, en definitiva, porque dan vida aos nosos pobos, contribuíndo a xerar un forte sentimento de arraigamento e pertenza ao territorio.

Ademais, con motivo do Día do Viño D.O., a CECRV puxo en marcha en 2024 a concesión dun recoñecemento destinado a homenaxear persoas ou iniciativas que contribúan ou contribuísen de maneira significativa a achegar o mundo do viño á cidadanía. Este ano, foi concedido ao expresidente do Goberno, Excmo. Sr. Mariano Rajoy Brey, polo seu constante apoio ao sector do viño dende as distintas responsabilidades públicas que exerceu, contribuíndo a protexelo e darlle prestixio. A entrega deste recoñecemento estaba prevista para o 29 de abril, pero debido ao apagón que tivo lugar no país o día anterior, tivo que ser aprazada e celebrarase nun acto público en Madrid nas vindeiras semanas, en data aínda por determinar.

As 30 denominacións de orixe que participan este ano no Día do Viño D.O. son: Almansa, Binissalem, Bullas, Calatayud, Campo de Borja, Cariñena, Cigales, Jerez, Jumilla, A Mancha, Lanzarote, León, Málaga, Manzanilla-Sanlúcar de Barrameda, Monterrei, Navarra, Pla i Llevant, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Sierras de Málaga, Somontano, Tacoronte-Acentejo, Toro, Txakolí de Álava, Txakolí de Bizkaia, Txakolí de Getaria, Uclés, Valencia, Vinos de Madrid e Yecla. Todas brindarán ao mesmo tempo o 10 de maio, ás 13.30 horas (12.30 horas en Canarias), polo viño con D.O., polos valores que representa (diversidade, calidade, autenticidade, coidado e respecto polo saber facer local e o medio natural, arraigamento e recoñecemento do rural, goce, cultura…) e pola contribución das D.O. ao presente e ao futuro dos pobos e territorios onde se atopan.

⚙ Configurar cookies
0.14298510551453