A conselleira de Medio Rural puxo en valor as actuacións realizadas pola Xunta no Viveiro dos Trollos

RibeiraSacraXa
Durante a visita ao viveiro de Bóveda, María José Gómez avanzou que a Xunta vai potenciar o uso formativo e divulgativo dos viveiros forestais públicos
viveiro-dos-Trollos-en-Bóveda
21 sep 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, avanzou que a Xunta vai potenciar o uso formativo e divulgativo dos viveiros forestais públicos, durante a súa visita a un destes centros xestionados pola Consellería, o dos Trollos, situado no Concello de Bóveda.

Ademais de coñecer as instalacións, a conselleira supervisou as melloras que se están a realizar na ruta de sendeirismo da aula forestal, mediante a introdución de elementos artísticos orientados á potenciación da paisaxe.

Gómez estivo acompañada neste percorrido polos directores xerais de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, así como polo alcalde de Bóveda, José Manuel Arias.

Na visita, a titular de Medio Rural puxo en valor as actuacións xa realizadas neste viveiro, como foron a restauración das masas arbóreas e os traballos de mantemento no horto sementeiro de piñeiro do país, que superaron os 86.000 euros de orzamento.

Ademais, detallou que nestas instalacións e noutras semellantes da Consellería vaise reforzar a súa vertente divulgativa e formativa cara a poboación en xeral, cun plan en varias fases que comezará por este viveiro dos Trollos e polo de Santa Cruz, en Oleiros.

Trátase, explicou Gómez, de que os visitantes poidan coñecer as especies máis significativas que albergan estes espazos, que saiban como se realiza a xestión forestal sustentable, cales son os ecosistemas cos que contan e que materiais de reprodución forestal se utilizan.

Neste caso concreto dos Trollos, a conselleira apuntou que o obxectivo de todas estas iniciatias é convertelo nun centro de referencia para a xestión de masas frondosas no sur de Lugo, tendo en conta que é o único da súa clase na provincia. As súas instalacións xa constitúen unha referencia no fomento da natureza e os valores medioambientais.

Cunha superficie de arredor de 30 hectáreas, neste recinto de Bóveda hai máis dun cento de especies diferentes de árbores e arbustos e instalacións preparadas para a recepción de visitantes e para a realización de actividades divulgativas. Un espazo pensado para todo tipo de público, pero sobre todo para os máis novos e para as persoas relacionadas co sector forestal.

0.15327787399292