A Cabalgata de Reis de Chantada reúne a numeroso público pese ao frío nun desfile cheo de animación

A Cabalgata de Reis celebrada en Chantada contou cunha elevada participación de público ao longo de todo o percorrido, a pesar das baixas temperaturas. Moitas persoas acompañaron o desfile das Súas Maxestades desde os distintos puntos da vila, nunha xornada festiva que se desenvolveu sen choiva e cun ambiente moi animado.
O percorrido da cabalgata comezou na DomusVi, onde Melchor, Gaspar e Baltasar visitaron ás persoas residentes, e continuou polas rúas de Chantada ata rematar no Auditorio Municipal, onde tivo lugar unha multitudinaria chocolatada. Ao longo do desfile repartíronse 200 quilos de caramelos entre o público asistente.
Tras a cabalgata, os Reis Magos mantiveron un encontro cos nenos e nenas do municipio, no que se entregaron preto de 600 conos de chucherías. As carrozas nas que desfilaron as Súas Maxestades, acompañadas polos seus paxes, estrearon unha decoración completamente renovada para esta edición. O desfile contou tamén coa animación de dúas mariposas patinadoras e dous cervos luminosos, que chamaron especialmente a atención da cativada.
Ao encontro dos Reis Magos coa infancia de Chantada asistiron tamén o alcalde, Manuel Lorenzo Varela, xunto cos concelleiros de Cultura, Manuel Diéguez, Turismo, Pamela Fernández, e Servizos Sociais, María Cándida Carnero. O rexedor destacou o éxito da convocatoria e a elevada participación rexistrada, subliñando que, malia o frío, a climatoloxía acompañou ao non producirse precipitacións durante a celebración da cabalgata.