A Biblioteca Municipal de Pantón levará o nome de Milagros Pardo

RibeiraSacraXa
Máis coñecida como ‘Milagritos’, esta veciña de Pantón leva dende 1950 á fronte da biblioteca, e será homenaxeada o vindeiro 24 de maio cun acto na praza do Concello
Milagros Pardo
Milagros Pardo
2 May 2025

A Biblioteca Pública Municipal de Pantón inaugúrase no ano 1950. Ao fronte deste servizo cultural fundamental estivo desde o comezo, Milagros Pardo, a quen a veciñanza coñece como Milagritos.

Despois dunha vida destinada a axudar e colaborar co pobo, onde Milagritos prestou especial atención aos nenos e nenas para espertar neles o interese pola lectura, o Concello de Pantón e un grupo de veciños e veciñas prepáranlle unha homenaxe baixo o título, “A memoria entre libros tamén perdura”.

Así, o 24 de maio, o Concello de Pantón organiza a descuberta da placa co nome da homenaxeada, como agora pasa a chamarse a Biblioteca Pública Municipal de Pantón. O acto celebrarase ás 13.00 horas na Praza do Concello.

O alcalde, José Luis Álvarez, destaca da homenaxeada a implicación no traballo, “Preguntáballes aos nenos e nenas e usuarios e usuarias por autores e libros para ampliar o fondo bibliotecario. Poñíase en contacto cos mestres para mandar os libros ás aldeas onde había sempre unha escola unitaria. Mandaba por eles os libros e cada fin de semana, os mestres devolvíanos”.

“Sen ter estudos de biblioteconomía foi unha adiantada ao seu tempo, todo o fondo bibliotecario está organizado a man por ela”, asegura Javier González, técnico de Cultura en Pantón e un dos veciños promotores da homenaxe. Neste caso organizan unha comida no restaurante Don Manuel a partir das 14.15 horas do día 24. A retirada de invitacións para participar do xantar pódese facer ata o 25 de maio na Casa da Cultura, no supermercado Chimpa e no supermercado Maribel.

“Este recoñecemento é necesario pola vida de traballo e coidado desinteresado de Milagritos. Aos 4 anos eu xa estaba na biblioteca con ela, contaxioume o interese pola lectura. Vina axudar a nenos e nenas que non sabían aínda ler, sentados nunha mesa comezáballes a contar historias diante dun libro facendo debuxos. Axudou a moitos nenos para a catequese. Moitas xeracións pasaron por ela, coñecemos a Tintín e aos Cinco grazas a Milagritos”, explica Javier González.

A homenaxe do 24 de maio será unha xornada de festa e celebración da cultura e da atención ás persoas. Un recoñecemento a unha vida dedicada á biblioteca. González destaca, “Unha persoa así vai ser irrepetible. Todo vitalidade, autodidacta total, a onde non chegou botoulle imaxinación. Unha actitude incrible para contactar coa xente e traballar con libros”.

⚙ Configurar cookies
0.16613912582397