A Asociación Sociocultural Boca do Monte organiza unha andaina con motivo da VIII Xornada Castañeira

RibeiraSacraXa
A andaina terá lugar o domingo, 3 de novembro
Os Anguieiros
1 Nov 2024

Con motivo da VIII Xornada Castañeira, a Asociación Sociocultural Boca do Monte organiza unha camiñada divulgativa na contorna do Túnel de Montefurado que terá lugar o domingo, 3 de outubro.

A actividade, que se incorpora por primeira vez a esta edición da Xornada Castañeira, contará coa participación do xeólogo Óscar Pazos, autor do libro “A invención da Gallaecia e a minaría do ouro” (Aterra Libros 2023) que fará partícipes aos asistentes dalgúns dos aspectos máis importante da actividade de extracción mineira do ouro por parte dos romanos hai uns 2000 anos.

A saída da camiñada é no "portaleiro" (entrada dos Anguieiros). De ahí, baixará pola Carreira ata o río e irá bordeando o meandro polo camiño do canal para dirixirnos ao "Alto da Cabrita" onde as vistas son privilexiadas e onde se sitúa un castro romano. Alí explicarase o pasado de Vilanuide como explotación aurífera en tempos dos romanos. Na outra ladeira, mirando para Anguieiros, de fondo poderemos ver unha panorámica de todo o val. Dende este punto collerase o camiño que baixa atravesando unha ladeira de viñedos, coñecida como "Os Cabaleiros" e "O Rouso", que vai dar á coñecida como "Veiga do Couso".

Pola "Veiga do Couso" pasaba a canle (cauce) do río Sil anteriormente á época dos romanos, e despois do desvío artificial que estes fixeron coa Boca do Monte a devandita canle quedaría seca, constituíndo unha terra moi fértil creadora de grandes hortas e diferentes cultivos que convertiron Anguieiros na aldea máis rica da zona (así nolo relataron veciños de Anguieiros). Estas terras estaban constituídas por lodos do río, lodos tremendamente vizosos e limpos que non contiñan pedras, e nas augas que quedaban collíanse anguías a moreas (de aquí o topónimo que dá nome a aldea). Pero no 1934, unha gran enchenta do Sil provocou un derrubamento da montaña que atrancou parte da Boca do Monte e fixo que parte do seu caudal de auga volvese pola antiga canle anegando estas terras, outrora tan fértiles.

Posteriormente, tras chegar á "Portaliña" (ladeira da montaña xa encarada a Anguieiros), las asistentes poderán ver unha paisaxe chea de viñas e oliveiras e, fronte a ela, as aldeas dos Covallos e dos Anguieiros na parte media da montaña.

No alto da Boca do Monte hai constancia da existencia dun Castelo ou torre onde antes debeu haber un castro pola ubicación e algún vestixio atopado. Segundo información achegada polo estudoso da zona, Alberto Sánchez, hai certeza de que houbo un castelo na cima da montaña (Boca do Monte) coñecida daquela como "Pena do Corvo".

0.20776104927063