A Asociación Semente de Monforte entrega os premios do X Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

O xurado da X Edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra, tras avaliar a presentación dos proxectos durante o día de hoxe, decidiu conceder os seguintes premios do X Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra a Gemma & Naza Cheesecakes, Ficar Aquí e Enzicas.
Desde a Asociación Semente de Monforte e todas as empresas e institucións colaboradoras nesta X edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra felicitan ós gañadores, e a todos os proxectos participantes pola altísima calidade das iniciativas presentadas e o talento e a ilusión como emprendedores.
O Primeiro Premio, dotado con 10.000 euros, foi para Gemma & Naza Cheesecakes, por su produción artesanal de tortas de queixo desde o compromiso coa calidade, a sustentabilidade e o apoio á economía local. Utilízanse produtos locais e galegos de alta calidade para elaborar as tortas, garantindo frescura e autenticidade en cada bocado. Resáltanse os sabores tradicionais de Galicia e apoianse os agricultores e provedores da rexión.
O Segundo Premio, de 6.000 euros, foi para Ficar Aquí, portal de emprego, pola creación dun sitio web que recolla a oferta de emprego, que atenda as necesidades do tecido empresarial das empresas do rural galego, e poña en valor os seus recursos, chamando a atención sobre as necesidades existentes e favorecer o emprendemento. O obxectivo é conectar os diferentes protagonistas no panorama da xeración de emprego e oportunidades de empregabilidade (Administracións, empresas e profesionais) e concentrar toda a información sobre oferta e demanda nun único portal web
O Terceiro Premio, de 4.000 euros, foi para Enzicas, Aceleradora de Queixos e Embutidos con Castañas, Enzicas BIO SL., empresa cualificada como Startup por ENISA e fundada en 2022, expón o desenvolvemento dun ingrediente alimentario de orixe natural para empregar na maduración de queixos e embutidos. O ingrediente está baseado nun fungo filamentoso desenvolvido a base de castañas.
A entrega de premios e de diplomas a todos os proxectos finalistas fíxose despois da cea de confraternidade celebrada no Parador de Monforte, na que participaron a Conselleira de Medio Rural, María José Gómez, a directora xeral AGADER, Mª Paz Rodríguez, o director xeral da AGACAL, Martín Alemparte, as directoras territoriais da Consellería de Emprego en Ourense e Lugo, Marta Vázquez e Carmen José López, deputados autonómicos e representantes das desputacións de Lugo e Ourense, das universidades e dos concellos e empresas que colaboradoran co Concurso. Contouse asemade coa asistencia dos 10 proxectos finalistas no concurso e dos gañadores da pasadas edicións. Presentando o acto a presidenta de Semente de Monforte, Pilar López.
Desde o seu inicio ata esta última edición, o concurso ten entregado 189.000 euros que contribuíron a impulsar 29 proxectos innovadores que dinamizan o medio rural. “Os datos son importantes, pero o mellor é satisfacción de que a maioría dos proxectos que quedaron entre os tres primeiros convertéronse en realidade e moitos deles son iniciativas empresariais de éxito. A ilusión coa que comezamos segue sendo a mesma, ou quizais máis. Grazas ao traballo, á dedicación e implicación que vemos nos participantes de cada ano, aumentando en cada edición e grazas a que esas persoas, empresas e organismos que nos apoian, confían no mesmo ca nós: Podemos desde a base axudar a dinamizar o noso rural”, concluíu Pilar López.