A Asociación Galega de Apicultura organiza un simposio sobre a velutina en Chantada
A Asociación Galega de Apicultura presentou un simposio sobre a velutina que se celebrará o vindeiro 9 de novembro en Chantada, coa colaboración da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O encontro, que inclúe unha decena de charlas ao longo da xornada, centrarase nos métodos actuais de control da velutina desde unha perspectiva científica, abordando os métodos de control e a súa efectividade, con achegas de científicos de vangarda na investigación contra este especie invasora a nivel mundial, como os italianos Fabricio Zagni e Laura Borttoloti, que exporán o Method-Z e os proxectos que desenvolve o Centro de Ricerca, Agricoltora e Ambiente (CREA) de Boloña; o francés Gilles Fert, referente no mundo da cría de raíñas, que afronta o problema dende a selección xenética; ou José Manuel Fernández, ornitólogo e naturista da Universidad de Alcalá de Henares, que abordará a eficacia do falcón abelleira no loita contra a velutina.
Ademais, representantes de AGA exporán o estado actual da vespa velutina en Galicia e o responsable do Centro de Alerta e Control de Pragas e Especies Invasoras de Asturias, Eloy Alvarez, explicará o operativo de control na comunidade veciña.
Na presentación do simposio, Javier Carreiras, secretario de AGA, explicou que “pretendemos ofrecer unha visión moi ampla do problema, confrontar datos de distintos países e debater sobre as estratexias máis convenientes de cara ao control da praga, abordando o problema de xeito rigoroso e por primeira vez cun claro e marcado compoñente científico polo que agardamos que supoña un golpe na mesa e un punto disruptivo de cara a comezar a dar solucións reais ao problema".
A vicepresidenta da entidade, Marita Puga, subliñou que “pese a que este ano está a ser máis tranquilo en moitas zonas de Galicia, noutras o problema persiste, polo que temos razóns para pensar que os vindeiros non serán tan favorables. Vimos de anos moi difíciles para a apicultura e temos que prepararnos para dar resposta a un problema que, como non consigamos controlar, pode levarse por diante o futuro do noso oficio e porá en serio perigo as especies polinizadoras do nos contexto natural, cos prexuízos consecuentes na produción apícolas e agrícolas”.
O vicepresidente, Efrén Castro, encadrou “o apoio a este simposio no traballo que área de Rural ven desenvolvendo, da man da propia AGA e de outras entidades, para incidir na formación e na prevención para tratar de controlar a expansión deste especie invasora, que pesa como unha lousa sobre a apicultura e que afecta tamén a producións agrícolas e, en xeral, ao equilibrio do noso ecosistema”.
PROGRAMA DO SIMPOSIO SOBRE A VELUTINA
- 10.00 horas. Inauguración.
- 10.30 horas. A importancia de involucrar á veciñanza e ás entidades municipais na loita contra a velutina, por Roi Rigueira.
- 10.45 horas. Desempeño no control da vespa velutina en Galicia: actuación da acción desenvolta e valorización do estado actual da vespa velutina en Galicia no 2024, por Luisa Piñeiro, xerente do SEAGA.
- 11.45 horas. Situación singular e actuación ante a vespa velutina en Galicia, por J. María Bello, directivo da AGA, e Joaquín Lozano e Gonzalo Calvo, persoal técnico veterinario de AGA.
- 12.00 horas. O Method-Z: neutralización de niños de velutina: metodoloxías e test experimentais, por Laura Borttoloti, investigadora do Centro de Agricultura e Medio Ambiente CREA.
- 13:00 horas. O Method-Z: metodoloxía e resultados, por Fabrizio Zagni, apicultor experimentado, membro fundador de Stop Velutina Italia, técnico en apicultura da Asociación Apiliguria e inventor do method-Z
- 16.00 horas. Operativo de control de Vespa Velutina en Asturias, por Eloy Álvarez Ron, responsable do Centro de Alerta e Control de Pragas e Especies Invasoras de Asturias.
- 17.00 horas. A vespa velutina en Francia, por Guilles Fert.
- 18.30 horas. O miñato europeo (falcón abelleiro), unha realidade no control da vespa asiática, por José Manuel Fernández, ornitólogo e naturista, do departamento de Ciencias da Vida da Universidade de Alcalá de Henares.
- 19:45 horas. Clausura e degustación de produtos da Ribeira Sacra.