A Anpa do Courel pídelle á Xunta que adopte as medidas necesarias para garantir a educación

RibeiraSacraXa
Denuncian que, debido ao estado da estrada e as condicións metereolóxicas, os nenos e nenas do Courel non puideron ir a clase
Estrada-cortada-no-Courel
10 Out 2024

A Anpa do Courel denuncia que co inicio do outono e o mal tempo, "continúan os problemas de mobilidade no colexio de Folgoso do Courel", despois de ser suspendidas as clases por mor da adversa climatoloxía coa oposición das familias a que os seus fillos circulen polo desvío provisional habilitado pola Xunta.

Así, desde a ANPA do CPI Poeta Uxío Novoneyra trasladan a súa preocupación polas "circunstancias extremas que estamos vivindo. As intensas chuvias que afectan ao noso concello están incrementando a perigosidade do vergoñento desvío habilitado entre Seoane e o colexio, o cal xa presentaba graves problemas de seguridade en días normais", explican.

As familias da parte norte do Courel, as que dependen deste desvío para levar aos seus fillos e fillas ao colexio, tomaron a decisión de non arriscarse e deixar aos menores na casa para evitar o percorrido, xa que a "situación meteorolóxica deixou o desvío, que lembramos unha vez máis que ten firme de formigón, seixos rodados e pendentes que chegan ao 30 %; especialmente esvaradío e perigoso".

E engaden que "é totalmente inaceptable que sexamos as familias as que teñamos que optar por estas medidas de precaución ante a falta de actuación das autoridades competentes".

Con todo, din que as Consellerías de Educación e Mobilidade son "plenamente conscientes dos perigos que presenta este infame desvío e aínda así, e ante a falta de alternativas, tivemos que ser as propias familias as que nos vemos na obriga de tomar a decisión de non enviar aos nenos ao colexio para garantir a súa seguridade".

PIDEN UNHA SOLUCIÓN

Dende a ANPA do CPI Poeta Uxío Novoneyra, solicitan ás Consellerías de Educación e Mobilidade que "nos dean unha solución urxente a este problema, máis tendo en conta que a promesa de abrir o tráfico de novo na LU-651 a partir do venres 11 de outubro non se vai cumplir, tal como xa supoñiamos cando empezou o corte hai máis de dous meses".

Así, lembran que a Consellería de Mobilidade "aínda non tivo a cortesía de responder á nosa petición dun vehículo con tracción ás catro rodas para que faga de lanzadeira entre Seoane e o colexio".

Tamén remarcan que a Xunta e as Consellerías implicadas "non poden esquecer que somos un concello de montaña cunhas características especiais que fan máis relevantes as situacións extremas. A administración ten a obriga de adoptar as medidas necesarias para asegurar que todas as alumnas e alumnos poidan asistir ao colexio en condicións de seguridade, independentemente do tempo que faga. Os nosos pequenos teñen dereito á educación, en igualdade de condicións, e as administracións deben velar por eses dereitos, se queremos un futuro para concellos de montaña coma o noso. Por unha educación segura para as nosas fillas e fillos", conclúen.

0.18572282791138