A aldea modelo de Moreda, en Folgoso do Courel, foi posta en valor pola Xunta
A Xunta puxo en valor a aldea modelo de Moreda, no Concello de Folgoso do Courel, que explicaron "é un piar fundamental para a dinamización da zona e enmárcase dentro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia".
Neste proxecto implementouse unha granxa en extensivo dedicada á cría de porco celta en ecolóxico que está en funcionamento. Ademais, no marco deste proxecto prevese potenciar outras iniciativas de apicultura e o cultivo de hortalizas e árbores froiteiras. "Esta aldea modelo é un dos xeitos de anticiparse aos lumes forestais mediante o aproveitamento dos terreos e neste caso conta cunha superficie de 38,86 hectáreas, con 73 parcelas de 44 propietarios", argumentan desde o goberno autonómico.
Para desenvolver esta aldea modelo, a Xunta levou a cabo diversos traballos, incluíndo a implementación de peches e cerramentos, infraestruturas gandeiras, instalacións de manexo e alimentación gandeira, acondicionamento de camiños ou recuperación de muros tradicionais, entre outras.
Aldeas modelo en Lugo
As aldeas modelo buscan devolver á produción terras con boa aptitude agronómica que se atopen en estado de abandono ou infrautilización, impulsando deste xeito nova actividade económica agroforestal que non só fixe poboación e xere riqueza na contorna; senón que tamén reduza o risco de incendios forestais e mellore a calidade de vida dos veciños dos núcleos que se busca poñer en valor.
En Galicia hai un total de 21 aldeas modelo declaradas, das cales cinco están situadas na provincia de Lugo, nos concellos de Sober, Quiroga, O Incio, a Pobra do Brollón e Folgoso do Courel.
Os usos destas tres últimas, que se atopan a pleno rendemento, destínanse á gandaría en extensivo de vaca cachena, no Inicio e na Pobra do Brollón, e de porco celta a de Folgoso do Courel.