A aldea modelo de Francos de Proendos, en Sober, terá como actividade princiapl a explotación gandeira en extensivo

RibeiraSacraXa
A aldea modelo de Francos de Proendos, en Sober, terá como actividade princiapl a explotación gandeira en extensivo
francos de proendos
15 Maio 2023

A aldea modelo de Francos de Proendos, en Sober, poderá ser posta en produción polas persoas interesadas despois de que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural aprobase as bases reguladoras do procedemento de concorrencia competitiva para a selección de propostas de cara ao aproveitamento de parcelas.

Así, despois da publicación do Diario Oficial de Galicia (DOG) da resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, poderanse aproveitar cinco aldeas modelo: Francos de Proendos (Sober, Lugo), Covelo (Taboadela, Ourense), Carzoá (Cualedro, Ourense), O Seixo (A Gudiña, Ourense) e Mouteira-Parada (Cerdedo-Cotobade, Pontevedra).

No caso da aldea modelo de Francos de Proendos, en Sober, establécese unha zonificación dos terreos para definir como actividades principais a explotación gandeira en extensivo, a horta e cultivos de ciclo curto.

Como actividade secundaria establécese para unha das zonas definidas a plantación de árbores para obtención de froito. Neste caso, a figura da aldea modelo abrangue un perímetro de 12,87 hectáreas, distribuídas en 119 parcelas de 70 propietarios, en torno ao núcleo que se busca poñer en valor.

Os interesados en poñer a producir estas terras terán un prazo de 15 días naturais para facer chegar as súas solicitudes e poderán presentar propostas de aproveitamento as persoas físicas, as Administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas traballadoras autónomas.

Para o exercicio da súa actividade, as persoas solicitantes deberán dispór das autorizacións, permisos e/ou licenzas administrativas preceptivas, estar inscritas nos rexistros públicos que sexan pertinentes e cumprir con calquera outro requisito esixido polas disposicións aplicables.

En canto ás propostas, deben axustarse á normativa sectorial que resulte de aplicación en cada caso e ás guías de ordenación produtiva aprobadas para cada aldea modelo. O prazo para que a Xunta dite resolución expresa e a notifique será de cinco meses, a contar desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

0.19822382926941