A Agrupación de Empresas da Ribeira Sacra avanza na súa consolidación

A Agrupación de Empresas da Ribeira Sacra deu un paso clave no seu desenvolvemento coa presentación do seu Plan Estratéxico, un documento que marcará as liñas de traballo para fortalecer o tecido empresarial da zona. O acto de presentación tivo lugar o pasado xoves, 13 de febreiro, no restaurante Don Manuel de Monforte e contou coa asistencia de preto de 200 persoas, entre empresarios, autónomos e representantes das administracións públicas que colaboran co proxecto, como a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e diversos concellos da Ribeira Sacra.
Manuel Dacosta, presidente da Agrupación de Empresas da Ribeira Sacra, destacou a importancia deste fito para o futuro do colectivo empresarial. “Esperamos que este paso que acabamos de dar sexa clave para o impulso de todo o territorio e que, co tempo, este acto pase a formar parte da historia da Ribeira Sacra. Parabéns a todas as empresas e persoas que confiaron desde o principio na importancia de traballar desde a unión”, sinalou.
O encargado de presentar o Plan Estratéxico foi José Pablo Abeal Vázquez, da Universidade da Coruña, experto en Economía Financeira e Contabilidade, área que liderou a elaboración do documento. O traballo desenvolveuse ao longo de 2024 mediante un proceso de contacto cos distintos axentes sociais do territorio. Os resultados reflicten unha análise detallada da situación económica e social da Ribeira Sacra e evidencian a necesidade dunha maior colaboración entre as empresas para afrontar os retos comúns.
O estudo pon de manifesto unha serie de desafíos estruturais na zona, entre os que destacan o avellentamento da poboación, a escaseza de empresas cunha dimensión suficiente para competir en mercados globais, unha reducida capacidade de investimento e unha baixa internacionalización do sector. A isto engádese unha limitada absorción de emprego, o que dificulta o crecemento económico sostible.
Ante este panorama, a Agrupación de Empresas da Ribeira Sacra marcouse como misión fomentar a colaboración entre os empresarios do territorio, promovendo o intercambio de coñecemento e experiencias. Un dos piares fundamentais da organización será a formación e o fomento do emprego, co obxectivo de dotar ao sector das ferramentas necesarias para o seu desenvolvemento.
Primeiros pasos do plan: Xunta Directiva, xerencia profesional e aumento de asociados
O Plan Estratéxico destaca a importancia do primeiro ano de implantación, no que se levará a cabo a elección dunha Xunta Directiva e a posta en marcha dunha xerencia profesional. Ademais, intensificarase o labor comunicativo para seguir ampliando a base de empresas asociadas.
As xestións realizadas ata o momento permitiron asegurar a viabilidade financeira do proxecto. A Deputación de Ourense, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a maioría dos concellos da Ribeira Sacra confirmaron o seu respaldo á iniciativa, o que garante a súa sustentabilidade a longo prazo, tal como recolle o Plan Director.
Para reforzar a súa comunicación e presenza dixital, a Agrupación estivo operando coa páxina web ribeirasacranext.gal para facilitar inscricións e información básica. Próximamente presentarase unha versión definitiva do sitio web, onde se poderá coñecer con máis detalle ás empresas asociadas, así como os proxectos nos que traballa o colectivo. Así mesmo, para a primavera está prevista a organización dun encontro de networking entre os socios co fin de afondar nas súas necesidades e propoñer iniciativas para abordalas.
Colaboración con AEMOS e outras entidades
O acto de presentación do Plan Estratéxico contou coa intervención de expertos e representantes empresariais, entre eles José Pablo Abeal Vázquez, María del Mar Martínez Pacheco e Severino Rodríguez Díaz, vogal e secretario da Agrupación Empresarial da Ribeira Sacra, respectivamente, así como Manuel Castro Álvarez e Francisco Domínguez Pérez, presidente e xerente da Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS).
AEMOS foi convidada ao evento en recoñecemento á súa experiencia no asociacionismo empresarial, con máis de 30 anos de traxectoria. A asociación, que agrupa 320 empresas do eixo industrial Vigo-Mos-Porriño, consolidouse como un interlocutor clave ante as administracións e un axente activo na promoción industrial e no desenvolvemento socioeconómico da súa área de influencia.
O secretario da Agrupación, Severino Rodríguez, subliñou a transcendencia do momento: “A presentación deste Plan Director confirma o esforzo realizado e énchenos de ilusión para seguir avanzando. Coa gran participación que tivemos neste acto, estou convencido de que podemos ser o motor de cambio no ámbito económico e social da Ribeira Sacra”.
Con este ambicioso plan en marcha, a Agrupación de Empresas da Ribeira Sacra prepárase para consolidarse como un referente no desenvolvemento económico do territorio, impulsando a colaboración e a innovación no tecido empresarial local.