A activista e escritora Amelia Tiganus dará unha conferencia en Trives co gallo do 8M

No marco das actividades organizadas polos Concellos de A Pobra de Trives e San Xoán de Río con motivo do 8-M, Día Internacional da Muller, terá lugar a conferencia "Xuventude, internet e violencia sexual; quen gana?", impartida pola activista e escritora Amelia Tiganus. O acto celebrarase o mércores, 19 de marzo, ás 12.00 horas, no Auditorio Julio Vázquez de A Pobra de Trives. A entrada será gratuita ata completar a capacidade.
Amelia Tiganus, sobrevivinte da trata de mulleres e referente na loita contra a explotación sexual e a violencia de xénero, achegará unha análise crítica sobre a influencia de internet e as redes sociais na normalización da violencia sexual. A súa intervención combinará a teoría feminista, o marco legal e a súa propia experiencia persoal, ofrecendo unha perspectiva única e necesaria sobre unha problemática que afecta especialmente á xuventude.
Nacida en Galati (Romanía) en 1984 e residente en Euskadi, Amelia Tiganus é unha voz imprescindible no movemento feminista. A súa traxectoria como escritora, formadora e activista convértea nun exemplo de resiliencia e superación. A través de cursos e obradoiros de sensibilización, traballa para previr e combater a prostitución e a violencia sexual, situando estas cuestións no centro do debate social.
A conferencia abordará temas como a industria global da explotación sexual, a influencia da pornografía e a necesidade de promover unha sexualidade saudable e libre de violencia. Ademais, os asistentes terán a oportunidade de adquirir o libro de Amelia Tiganus, La revuelta de las Putas, de víctima a activista, na Libraría Cova, e poderán facer que llo asine durante o evento.
Esta cita é unha oportunidade única para reflexionar, aprender e sumarse á loita contra a violencia sexual nun contexto marcado pola globalización e o neoliberalismo.
A localidade trivesa celebrará tamén, como parte das actividades do 8M, unha charla con Laura Seara, consultora e ex Secretaria de Estado de Igualdade; para falar da “Axenda global das mulleres: retos e riscos”.