A actividade económica arredor da castaña, peza clave na conservación da biodiversidade e o desenvolvemento rural

RibeiraSacraXa
Os soutos constitúen “un importante exemplo de paisaxes de produción socio-ecolóxica na Península Ibérica noroccidental”, explica o profesor da Emilio Díaz Varela
ruta-vilasouto-incio3
Vilasouto
27 Xul 2024

Apoiar os negocios relacionados coas Paisaxes de Produción Socioecolóxica (PPSE), como por exemplo aqueles que se atopan vinculados á castaña, podería contribuír á conservación da biodiversidade e a sustentabilidade no sistema territorial. Esta é a principal achega do traballo realizado polos grupos de investigación da USC Planificación e Xestión en Sistemas Socio-Ecolóxicos Adaptativos Complexos (COMPASSES), Economía Agroalimentaria e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social (ECOAGRASOC) e Biodiversidade e Botánica Aplicada (BIOAPLIC). Os resultados presentáronse no encontro anual do Academic Council of the United Nations System (ACUNS) que tivo lugar en Tokio en colaboración coa United Nations University e a University of Tokyo baixo o lema ‘Global Governance and Sustainable Development: Revitalizing Research to Support Multilateral Solutions’.

O traballo Chestnut Production-Related Businesses in the Courel Mountains of Galicia, NW Spain: An Opportunity for Biodiversity Conservation, Ecosystem Restoration and Rural Development refírese á importancia que teñen as actividades económicas relativas á produción e transformación da castaña para a conservación da biodiversidade, a restauración dos ecosistemas e o desenvolvemento rural na área do Courel. Tal e como explica o profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra, Emilio Díaz Varela, os soutos constitúen “un importante exemplo de paisaxes de produción socio-ecolóxica na Península Ibérica noroccidental, debido aos altos niveis de biodiversidade tanto no dominio xenético, coma no interespecífico e ecosistémico, producindo ademais unha variedade de servizos ecosistémicos, incluíndo culturais, de regulación e de aprovisionamento”.

Non obstante, a interrelación entre funcións ecolóxicas, servizos ecosistémicos e negocios está ameazada hoxe en día polo abandono da xestión tradicional, que dá paso a unha serie de transformacións que afectan tanto ás paisaxes de montaña como ao seu tecido socioeconómico. “Neste traballo exploramos as relacións entre as actividades socioeconómicas e a capacidade das PPSE para preservar altos niveis de biodiversidade no concello de Folgoso do Courel, unha zona cunha forte tradición en sistemas de produción de castaña”, explica o profesor do Campus de Lugo da USC.

Para iso, primeiro analizouse a estrutura económica da área utilizando estatísticas oficiais e identificando os negocios específicos relacionados coas PPSE locais. Tamén se empregaron sistemas de información xeográfica para analizar mapas de cobertura do solo e localizar e caracterizar as áreas de produción de castaña. O traballo completouse con entrevistas a propietarios de negocios coma a representantes da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia para obter elementos importantes na relación negocio- PPSE.

“Os resultados obtidos amosan unha forte dependencia dos negocios relacionados coa castaña coas PPSE locais, e como os aspectos multifuncionais da produción de castaña como as producións múltiples, os beneficios para a biodiversidade, ou os aspectos paisaxísticos, son activos importantes nas visións de ditos negocios”, explica o profesor da EPSE. “Tamén identificamos riscos e impactos que afectan a paisaxe produtiva socioecolóxica, moitas veces a través de conexións complexas entre procesos de envellecemento da poboación, o cambio climático, a competencia polo uso do solo ou as pragas e enfermidades”, engade. O traballo foi realizado en colaboración coa Escola Politécnica de Mieres, da Universidade de Oviedo, e o departamento de Botánica, da Universidade de Granada.

0.20065689086914