Máis de 500 persoas participaron da celebración do Día dos Bosques nos Trollos de Bóveda
O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, sostivo que "a nosa comunidade xa supera as 550.000 hectáreas de monte ordenado, un 45 % máis do marcado polo Plan Forestal de Galicia para o remate do 2025, que fixaba un obxectivo de 380.000 ha, no Viveiro dos Trollos de Bóveda, no marco das actividades realizadas esta semana polo Día Internacional dos Bosques.
No acto tamén participaron o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e o alcalde da localidade, José Manuel Arias López.
As actividades en Bóveda, ás que asistiron 500 rapaces de varios centros educativos da contorna, foron organizadas polo GDR Ribeira Sacra-Courel coa colaboración da Xunta, co fin concienciar aos máis cativos sobre a importancia destes ecosistemas e sensibilizar á poboación sobre a necesidade da súa adecuada protección, ordenación e fomento.
José González definiu a xornada como “un día de ledicia”, xa que nenos e nenas participaron nunha plantación simbólica de especies de frondosas autóctonas. A maiores, puideron construír un insectario ou caixas niño, plantaron landras e asistiron a unha demostración do funcionamento de motobombas e doutro tipo de maquinaria de uso forestal.
Investimento de 600.000 euros na potenciación do Viveiro dos Trollos
O acto tivo lugar no Viveiro dos Trollos, unhas instalacións de referencia nas frondosas, o fomento da natureza e os valores ambientais, e na que a Xunta investiu no período 2019-2024 preto de 600.000 euros para avanzar na súa potenciación.
Na súa leira hai máis dun cento de especies diferentes de árbores e arbustos instalacións e preparadas para a recepción de visitantes e para a realización de actividades divulgativas.
A rede de viveiros forestais xestionados pola Xunta, destacou José González, compren unha importante función centrada, por un lado, na recuperación dos viveiros con capacidade de producir planta forestal de calidade para cubrir necesidades das administración públicas, e por outra banda establecer parcelas de alto valor xenético e de conservación ex situ de recursos xenéticos de gran interese. Este tipo de actuacións están enmarcadas no Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara a neutralidade carbónica”.