A Deputación de Lugo anuncia o arranxo da LU-P-5301 entre o val de Quiroga e Ourense

RibeiraSacraXa
Con este novo proxecto, que está en fase de estudo, a estrada quedaría mellorada en practicamente todo o seu trazado
carmela-lopez-ribas-de-sil
20 Mar 2026

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, anunciou este venres durante unha visita a Ribas de Sil o arranxo da estrada provincial LU-P-5301, que conecta o val de Quiroga con Ourense. López, acompañada polo alcalde do municipio, Roberto Castro, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capó, e concelleiros e concelleiras da corporación local, percorreu os últimos tres quilómetros desta vía, que é clave para vertebrar o concello, xa que comunica o núcleo urbano de San Clodio cos distintos miradoiros de montaña ata o Alto da Cruz.

Trátase, tal e como salientou a presidenta, dunha “estrada fundamental para a contorna porque comunica as dúas provincias e porque ten unha relevancia turística moi importante, nun territorio de alto valor xeolóxico, natural e cultural como é o Xeoparque Montañas do Courel”.

Os traballos consistirán na rehabilitación do último tramo da vía, na súa conexión con Ourense, un tramo que, segundo salientou López, conta cun tráfico intenso e cambios bruscos de temperatura, ao atoparse nunha zona de montaña. Recentemente a institución provincial mellorou xa parte do firme, entre os quilómetros 3,1 e 6,2, polo que con este novo proxecto, que está en fase de estudo, a estrada quedaría mellorada en practicamente todo o seu trazado.

Carmela López aproveitou tamén a visita para supervisar o funcionamento do xeocamping, que leva meses aberto cunha capacidade de 100 prazas distribuídas en 8 bungalós, e no que a institución provincial investiu 150.000 euros a través do Plan Deputación en diferentes anualidades. O complexo conta tamén co CIMAR, o Centro de Interpretación da Minaría Aurífera Romana, integrado no Xeoparque e con tres salas expositivas interconectadas sobre as diferentes explotacións de ouro no territorio e as técnicas mineiras empregadas polos romanos.

0.1306619644165