15 candidaturas forman en Monforte unha confederación de cara ás Eleccións Municipais de 2027

Un total de 15 candidaturas de toda Galicia acordaron en Monforte impulsar un proceso de confederación de proxectos locais de cara ás eleccións municipais de 2027. Fixeron isto esta fin de semana, lanzando o manifesto "Agora Galicia", aberto a cambios e incorporacións, coa vontade de sumar máis proxectos locais e escoller un grupo de coordinación.
A confederación está formada por Esperta Monforte, Por Chantada, Agroma Sober IGV, Courel Vivo, IGV A Ulloa, IGV Vilardevós, Ourense Mellor, Xuntxs por Laza, Xuntxs por Chandrexa, IGV Macizo Central, Manifesto Miñor, Por Vir Campolameiro, Somos Ribadumia, San Sadurniño Vivo e Move Neda.
As agrupacións presentes subliñaron a necesidade de tecer rede entre os proxectos municipalistas de base, para apoiarse no traballo local que, segundo sinalan, “moitas veces se topa cun caciquismo asentado”. Así, acordaron avanzar nunha confederación de asembleas locais para apoio mutuo, tanto a nivel de traballo municipal como de asistencia xurídica.
De cara ás eleccións municipais de 2027, as candidaturas asistentes decidiron avanzar nunha fórmula electoral de coalición que permita o mantemento das marcas locais consolidadas e, ao mesmo tempo, a suma dos votos para a escolla de deputados e deputadas provinciais. As candidaturas asinantes cren que “é posible aumentar a pluralidade política e a transparencia nas catro deputacións, podendo deste xeito levar alí as problemáticas que sofren os nosos concellos no día a día e que son da súa competencia”.
Deste xeito, tamén destacan que presentarse unidas permitirá visualizar a suma total dos votos a estes proxectos, que, en conxunto, representan a cuarta forza política de Galicia.
Os proxectos locais presentes caracterízanse polo “combate frontal contra o caciquismo e a parálise institucional, así como a participación no asociacionismo de base, sendo fundamentalmente veciñanza que quere un futuro xusto para os seus concellos”, explican. Con este paso, que avanza na coordinación a nivel galego, “mantéñese a soberanía das localidades no seu ámbito de actuación e búscase apoio mutuo e suma de forzas, no espírito das Irmandades que, precisamente, se xuntaron en Monforte hai máis dun século”.
As candidaturas presentes indican que “este é un chamado á cooperación dos proxectos de base e aos movementos da cidadanía para, desde os concellos, construír unha ferramenta plural ao servizo do país, partindo da base de que só coa expansión do espazo político galego é posible un cambio de rumbo en Galicia, aumentando a pluralidade política e o entendemento entre as forzas transformadoras, mobilizando abstencionistas e a xente descontenta co escenario político actual de crecente desafección, e convencendo votantes doutras forzas de que hai unha alternativa galega construída por veciñas e veciños sen dogmatismos nin hipotecas”. Destacan que teñen “as xanelas abertas ao diálogo co fin de chegar a puntos de encontro cos outros actores políticos e sociais”.
As candidaturas tamén aproveitaron para amosar o seu rexeitamento tanto ao proxecto de Altri na Ulloa como á macroponte sobre o Cabe que o Concello de Monforte quere impulsar e que, denuncian, destrurá o Malecón.